A maxistrada Amelia Pérez Mosteiro analiza a nova directiva europea de insolvencia nos Desayunos Forenses do Colexio de Economistas de Pontevedra
Esta mañá tivo lugar o segundo dos Desayunos Forenses organizados polo Colexio de Economistas de Pontevedra, unha iniciativa concibida como un espazo de encontro, análise e debate sobre cuestións de especial relevancia e actualidade no ámbito xurídico-económico.
Nesta ocasión, a sesión contou coa participación de D.ª Amelia Pérez Mosteiro, maxistrada-xuíz titular da Sección do Mercantil do Tribunal de Instancia de Pontevedra, quen impartiu o relatorio titulado «A nova directiva europea de insolvencia».
O encontro reuniu a máis dunha vintena de profesionais, que tiveron a oportunidade de achegarse ás principais novidades e perspectivas que expón o novo marco normativo europeo en materia de insolvencia, unha cuestión de especial transcendencia para o ámbito concursal e para o exercicio profesional de economistas, xuristas e demais operadores que interveñen nos procedementos de reestruturación e insolvencia.
A sesión permitiu pór de relevo a importancia de coñecer e analizar os cambios que se derivan da normativa europea, así como a súa posible incidencia no ordenamento xurídico español e na práctica profesional.
Con esta iniciativa, o Colexio de Economistas reforza o seu compromiso coa formación continua, a actualización profesional e a promoción de espazos de colaboración e intercambio de coñecemento en materias de interese común para economistas e expertos de diversos campos.
O Colexio agradece especialmente a D.ª Amelia Pérez Mosteiro a súa participación, dispoñibilidade e achegas, así como a asistencia e interese de todos os profesionais que acompañaron este segundo Desayuno Forense.