Industria, produtividade e capacidade exportadora, as maiores fortalezas da economía pontevedresa
A sede da Deputación en Vigo acolleu a presentación do estudo ‘1975-2025. Unha visión por provincias: 50 anos de evolución económica, social, empresarial e institucional das provincias en España’, realizado polo Consejo General de Economistas e Cámara de Comercio de España, e que contou coa participación na benvida institucional de Lucy Amigo, decana presidenta do Colegio de Economistas de Pontevedra.
No estudo evidénciase que a provincia de Pontevedra destaca polo seu potencial industrial con avances en produtividade, PIB por habitante e renda; e conta cunha posición de partida vantaxosa, tanto entre as provincias galegas como a escala nacional no que respecta a volume exportador, sendo en 2023 a terceira provincia española por volume de exportacións, unha 64,2% fronte ao 26,9 de media.
A presentación, que se enmarcou nos actos do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, contou coa participación, ademais de Lucy Amigo, do presidente da Cámara PVV, José García Costas; a vicepresidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Luisa Sánchez; o presidente do Consello Xeral de Economistas de España, Miguel A. Vázquez Taín, que interveu online, e o vicepresidente segundo da Cámara PVV, Javier Touza.
Os datos do informe foron debullados por Raúl Mínguez, director do Servizo de Estudos da Cámara de Comercio de España, e por Enrique Flores, analista do Servizo de Estudos do Consejo General de Economistas, que coincidiron en destacar que Pontevedra “transformou a súa estrutura de emprego e mantén unha industrial superior á media, con avances en produtividade, PIB por habitante e igualdade de renda”.
Entre as fortalezas destacadas no estudo, a base industrial pontevedresa sitúase no 18,2% do VAB real fronte ao (13,9% de España) e mantén o seu peso desde 1975, mentres en España baixa 8 puntos. O VAB real por ocupado pasa do 71% ao 94% da media española: é o indicador no que Pontevedra máis converxe.
Os retos: demografía, emprego e innovación
O gasto en I+D de Pontevedra crece un 168% desde 2005, o noveno maior aumento de España, e concentra o 1,54% do gasto nacional en I+D (369,4 M€ en 2024). Os retos, para Mínguez e Flores, sitúanse na demografía, a creación de emprego e o investimento.
No apartado da análise da contribución das empresas, os principais resultados destacan a orientación exportadora da provincia, especialmente a regularidade da actividade exportadora, e os avances en produtividade. Para o caso de Pontevedra, cabe destacar que a produtividade real por hora traballada aumentou preto dun 42% entre 2000 e 2021, un dos maiores avances provinciais, só por detrás de Áraba.
Entre os desafíos pendentes, destaca a necesidade de reforzar a innovación no tecido produtivo provincial.
A transformación do motor industrial de Galicia
Na súa intervención de clausura desta presentación, o presidente da Cámara PVV, José García Costas, destacou a importancia crave de poder contar unha investigación pioneira que analiza medio século de transformación do país desde unha perspectiva provincial e que ofrece unha radiografía detallada da evolución económica, social, empresarial e institucional dos distintos territorios. Por iso, agradeceu o esforzo do Consello Xeral de Economistas e da Cámara de Comercio de España para a elaboración deste documento, así como a súa disposición a presentar en Vigo a análise específica da economía pontevedresa, as súas fortalezas e retos.
“Este estudo permítenos constatar a profunda transformación que viviu a nosa provincia, e de maneira moi especial Vigo e a súa área de influencia, ao longo deste últimas cinco décadas, ata converterse no gran motor industrial e exportador de Galicia. Un proceso no que as nosas empresas foron protagonistas e axentes decisivos, impulsando o crecemento, xerando emprego, riqueza e benestar, e contribuíndo a construír a provincia que hoxe temos”, afirmou.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, destacou no contexto provincial a transformación da economía viguesa. “Vigo soubo reinventar a súa economía sen renunciar á súa tradición industrial. A automoción, a actividade portuaria ou a pesca seguen formando parte do seu tecido produtivo, pero evolucionaron, incorporando novas empresas, tecnoloxías e mercados”, asegurou.
Inauguración da exposición fotográfica Vigo Emerxente
A panorámica sobre a evolución da economía pontevedresa non se debuxou unicamente en datos, posto que o acto desta mañá serviu ademais de marco para a inauguración da exposición ‘Vigo Emerxente. Industria, Comercio e Navegación’. A mostra recolle máis de 50 fotografías do arquivo de Roberto Quintero realizadas no últimas seis décadas que propoñen unha mirada á transformación económica e social da provincia a través de tres forzas que definiron a súa identidade contemporánea: industria, comercio e mar.